Permítome poñer aquí a entrevista do irmán da muller á que lle quitaron as fillas porque en Vigo estudarían en Galego e "non se integrarían".
O enlace en
ciberirmandade
Un auto do xulgado de Alcorcón quítalle a unha muller a custodia das súas fillas empregando como argumento que as trasladou a Galiza, onde van estudar nunha lingua, o galego, sen utilidade práctica. Nesta entrevista, Manuel López, irmán da interesada, valora o fallo.
O galego é o principal argumento da sentenza?
É un dos argumentos máis pesados, mais non o único. Asume os argumentos da outra parte, do pai das nenas, pero vai máis lonxe aínda. É significativo que no xuízo entreviste á nena maior e só lle pregunte polo galego e o coñecemento que ten dunha lingua que coñece de sobra. Mesmo asegúralle á miña sobriña que el mesmo viña a Galiza en verán e non entendía o galego. Ela practicamente chamoulle parvo.
A súa irmá pode perder a custodia das súas fillas por vir a Galiza, nunha sentenza na que o xuíz estima que o galego é un factor negativo para a súa educación. Di iso o auto?
É exactamente o que di. É un agravio comparativo coas Comunidades autónomas sen lingua propia, vai cara a exclusión do galego, en lugar da integración. As persoas, cantas máis linguas saiban, mellor. Dicir o contrario é burlarse da intelixencia das persoas. As adolescentes teñen unha capacidade de aprendizaxe enorme, son esponxas, pero é que, ademais, as miñas sobriñas xa coñecían o galego. A pequena levou un 8,5 en galego e a maior está exenta dos exames, que non das clases. Argumentos a prol do galego hai moitos, pero este non é un auto, é un escarnio, está cheo de prexuízos, vai alén da cuestión xudicial, entra de cheo nunha filosofía da vida trasladada á xustiza.
O auto tamén sinala que o principal é salvagardar o benestar dos menores e acto seguido afirma que corren perigo na súa formación e desenvolvemento integral. De que perigo fala?
Non se sabe. Insinúa que baixa o seu nivel por pasar de estudar en centros privados en Alcorcón a colexios públicos en Vigo. As nenas están escolarizadas, integradas, son felices. É un intento desesperado de que volvan a Madrid a calquera prezo, pero váiselle a man respecto ao galego. Que alguén pense así é inevitábel; outra cousa que se poña por escrito e que o faga un xuíz nun auto.
Por que estas críticas ao galego?
Son un termómetro da situación na que están en Madrid. Saen os demos e prexuízos agochados de que o castelán está en perigo de extinción. Prexuízos anticientíficos que levan a intentar preservar as nenas do contacto con outra lingua que non sexa o castelán, como se non tivesen capacidade de adaptación nin de aprendizaxe.